14 setembro 2026

 4º CURSO - 1.1

14 - 18 DE SETEMBRO

Bo día!
 

A- CANTAMOS: ONDE LLE PUXO A MAN ? 

 

B- A DURACIÓN DO SON.

A duración é unha das características que nos serven para clasificar os sons. Segundo a duración clasificamos os sons en curtos e longos.

Pensade, por exemplo, no ruído que fai un libro ao caer ao chan ou o que escoitamos cando soa o timbre para entrar na escola. Son igual de longos? Cal dura máis? Sen dúbida o timbre da escola é o que máis dura dos dous.

Pois ben, esa característica do son, é a que coñecemos por duración.

Na linguaxe musical a duración dos sons representámola coas figuras e, a cada unha, correspóndelle o seu silencio:
 

C- FRAUTA.

Agora toca repasar a posición das notas na frauta dende o Do ata o Dó.


Recordade a forma de colocar o corpo, de coller a frauta e de soprar:
 
1- Lombo dereitiño.
2- Man esquerda arriba co polgar no burato traseiro.
3- Man dereita abaixo co seu polgar nas raias.
4-Tapade os buratos coas xemas dos dedos sen premer demasiado neles.
5- Sopramos amodiño para que a frauta soe doce.
 
Se o son da frauta non é doce, seguramente será por tapar mal os buratos ou por soprar demasiado forte. Sede pacientes e practicade doce minutiños cada día.

 5º CURSO 1.1

14 - 18 DE SETEMBRO

Bo día !!


A- CANTAMOS.


A canción coa que comezamos hoxe é: A Rianxeira.



B- FALAMOS DO NOSO FOLCLORE.


A partires desta canción tradicional, falamos da importancia da tradición oral no noso folclore.

Neste caso estamos ante unha canción de temática mariñeira, de aí a cantidade de vocabulario que nos recorda ao mar:

     Ondiñas.
     Rianxeira (topónimo de Rianxo).
     Embarcar.
     Marear.
     Barquiña.
     Ribeira.
     Area.
     
A transmisión oral foi a ferramenta grazas á que as nosas cancións de sempre foron pasando de xeración en xeración dende os tempos dos nosos antergos. Pensade que actualmente temos moitos e moi variados medios de comunicación, pero hai moitos anos estes medios non existían e a única forma de transmitir o coñecemento era a través das historias que ían contando os nosos antergos aos seus descendentes a carón da lareira.

Grazas a esa tradición oral chegaron aos nosos días diversas manifestacións artísticas como os contos, as lendas, as cancións os bailes... e, como parte imprescindible de toda esa cultura, chegou tamén a nós a muiñeira.

Os muíños foron un lugar de traballo no que se mataba o tempo de espera cantando e, cando se podía, bailando. Unha das teorías di que destes tempos de espera naceu a muiñeira, aínda que hai quen di que esta teoría é improbable pola propia localización dos muíños. En calquera caso é innegable que en Galicia temos unha grande variedade de bailes e cantos asociados ás diversas labores do campo e, gracias ás muiñadas, moitos deles chegaron aos nosos días.


C- AUDICIÓN.

Agora deixo por aquí un exemplo de muiñeira: Muiñeira de Lugo.

(Recordade que unha audición require atención plena ao que se escoita)




 3º CURSO 1.1

14 - 18 DE SETEMBRO

 

Bo día !


A- CANTAMOS.


Agora deixo por aquí esta versión de "Cantajuegos". está en castelán pero a melodía é a mesma así que... "a practicar"




B- COLLEMOS A FRAUTA.

Agora toca coller a frauta e comezar a practicar cousiñas deste bonito instrumento:

1- Lombo ben dereitiño.
2- Man esquerda arriba.
3- Man dereita abaixo.
4- Polgar esquerdo tapando o burato traseiro.
5- Polgar dereito nas "raias"

Agora, coa frauta ben collida, facemos a ambulancia coas notas SI e LA.

Recordade que debemos soprar moi suave para que o instrumento soe moi doce.


C- ELEMENTOS DO SON.

O son ten catro elementos:

1- Timbre.
É a característica que nos permite recoñecer "o que soa" como por exemplo: a voz dunha amiga, unhas chaves que caen ao chan ou alguén que peta na ventá.

2- Duración.
É aquela cualidade que clasifica os sons en curtos (un libro que cae ao chan) ou longos (o timbre do noso colexio).

3- Intensidade.
É outra característica gracias á cal podemos clasificar os sons en fortes (un estoupido) ou débiles (o canto dun paxariño).

4- Altura.
Grazas a altura clasificamos os sons en graves (a voz dun home) ou agudos (a voz dun bebé).