02 marzo 2026

 6º CURSO 2.7

2 - 6 MARZO

 

Bo día !

PREGUNTAMOS


A- OS INSTRUMENTOS DE CORDA.

Os instrumentos de corda, ou cordófonos, son instrumentos musicais que producen sons por medio das vibracións dunha ou máis cordas que están situadas entre dous puntos do instrumento. Estes sons pasan por unha caixa de resonancia cando as cordas son punteadas, percutidas ou fretadas.

Dentro desta familia podemos distinguir tres grupos:
 
1- Corda fretada.
2- Corda punteada.
3- Corda percutida.


B- O LEITMOTIV E O CINE.

Na música, o leitmotiv é o motivo ou tema que se repite con frecuencia nunha obra musical asociado a determinados personaxes ou situacións, e que axuda a caracterizalos. Seguro que coñecedes aos distintos personaxes do seguinte vídeo escoitando cada tema.

Serguei Prokofiev
 
 
 
Un leitmotiv consiste habitualmente nunha melodía breve, que pode ser tamén unha progresión de acordes ou mesmo un ritmo simple.
 
Os leitmotivs permítenlle ao compositor narrar unha historia sen utilizar palabras. O seu uso no mundo do cine está moi estendido e ahí podemos atopar exemplos moi sinxelos pero dunha efectividade abraiante. Ás veces con dúas notas é suficiente.

 John Williams


C- LUDWING VAN BEETHOVEN: O SEPTIMINO.

Beethoven, Alemaña 1770-1827, foi un pianista, compositor e director de orquestra que destacou como un dos máis importantes e influíntes da historia da música.
 
 
Comezou moi novo no mundo da música da man do seu pai, que xa o vía como un neno especialmente dotado para a música.

Á idade de 26 anos, comezou a perder audición para chegar a quedar completamente xordo nos seus últimos anos de vida, pero esta circunstancia non impedíu que Beethoven seguise coas súas composicións ata case o seu último alento.

As súas obras seguen a ser hoxe en día parte imprescindible de estudo para aqueles que queren estudiar música. Deixou un repertorio especialmente rico para piano, música de cámara e orquestra.

Xa que hoxe falamos dos instrumentos de corda e de Beethoven, escoitaremos, en silencio e con moita atención, esta obra que seguro coñeceredes: Septimino.



5º CURSO 2.7

2 - 6 FEBREIRO

 

Bo día!

PREGUNTAMOS

A- PERCUSIÓN.

Hoxe comezamos cun pouco de percusión.

Esta partitura está escrita en tres por catro (compás ternario). Teremos que marcar con máis forza á primeira parte de cada compás e facer con menos forza a segunda e a terceira.

Primeiro analizamos cada compás, logo lemos e, por último, percutimos coas baquetas.

Atención aos contratempos (notas en parte débil precedidas por un silencio) dos compases 9 e 13 !!

 

B- CORDA PUNTEADA: A GUITARRA.

A guitarra é un instrumento de corda punteada. Ten seis cordas que se accionan pola acción dos dedos, das unllas ou dunha puga.

A guitarra que coñecemos hoxe en día é un invento español desenvolto a partires do século XVI. Xurdíu como unha evolución do laúde introducido previamente polos árabes na Península Ibérica.


Este invento viaxou a América en mans dos colonizadores europeos e, pasado o tempo, foi electrificado nos EEUU no século XX, orixinando así o nacemento da guitarra eléctrica que  tan extendida está hoxe en moitos estilos musicais. Este tipo de guitarras precisan dun amplificador para soar.


 

C- AUDICIÓN: A GUITARRA.

Agora escoitaremos as dúas guitarras, en dous estilos moi diferentes, nestes enlaces que quedan por aquí abaixo. Os guitarristas son Andrés Segovia e B.B. King.

 



4º CURSO 2.7

2 - 6 MARZO

 

Bo día !

 

A- EXERCICIO PARA FRAUTA.

Antes de comezar con este exercicio, recordade a forma de colocar o corpo, de coller a frauta e de soprar:

 
1- Lombo dereitiño.
2- Man esquerda arriba.
3- Man dereita abaixo.
4-Tapade os buratos coas xemas dos dedos sen premer demasiado neles.
5- Sopramos amodiño (du) para que a frauta soe doce.


B- OS ESTILOS MUSICAIS EN GALICIA.

Agora imos falar dalgúns dos estilos musicais que podemos atopar sen saír de Galicia. Picade nos enlaces en azul para escoitar cada estilo.

Música tradicional: é a propia de Galicia e a que mellor expresa o noso carácter. Utiliza instrumentos como a gaita, a pandeireta, o tamboril e o bombo. Foi transmitida oralmente durante anos de xeración en xeración.

MUIÑEIRA DE CHANTADA

Música clásica: é a que podemos escoitar nas orquestras sinfónicas ou nos grupos de cámara. Require dunha formación moi específica no instrumentista e as súas formas son moi elaboradas: sonatas, concertos...

ORQUESTRA SINFÓNICA DE GALICIA

Folk: combina a música tradicional con instrumentos e músicas doutros países. Ademáis dos instrumentos tradicionais galegos aparecen a guitarra acústica, o saxofón, o violín, o buzuki, o tin whistle...

BERROGÜETO


Jazz: Naceu no sur dos EEUU entre os descendentes dos escravos traídos de África. O máis característico deste estilo é a capacidade de improvisación que se necesita para poder tocar en grupo, xa que moitas veces non hai partitura.

ABE RÁBADE TRÍO

Blues: ao igual que o jazz, ten a súa orixe nos EEUU. Naceu dos cantos relixiosos e dos cantos de traballo dos escravos levados dende África ata América. Trata de espresar un sentimento xeralmente de tristura ou melancolía (a palabra "blue" en inglés significa triste).

MIKI NERVIO & THE BLUES MAKERS

 

C- AUDICIÓN.

Hoxe escoitaremos o Paseo en Zorra do músico estadounidense Leroy Anderson.

Collede as vosas baquetas para acompañar esta audición seguindo as indicacións do vídeo. Recordade o importante que é manter toda a atención enfocada na tarefa.


3º CURSO 2.7

2 - 6 FEBREIRO


Bo día !

 

A- LINGUAXE MUSICAL: RECOÑECEMOS RITMOS.

Para comezar a clase de hoxe practicaremos un pouco co recoñecemento e a lectura de ritmos. Premede nas corcheas para comezar.



B- FRAUTA.

Agora practicamos as posicións das notas collendo a nosa frauta e premendo na seguinte imaxe.

Durante a práctica coa frauta recordade:

1- Lombo ben dereitiño.
2- Man esquerda arriba.
3- Man dereita abaixo.
4- Polgar esquerdo tapando o burato traseiro.
5- Polgar dereito nas "raias"

 

C- AUDICIÓN: O PIANO.

O piano é un instrumento de corda percutida.

Ten un teclado formado por 88 teclas brancas e negras. Ao premer nestas teclas, accionamos un mecanismo que move uns pequenos martelos de feltro. Logo estes martelos golpean as cordas que están dentro da caixa de resonancia. O piano ten uns pedáis que serven para modificar o seu son.

Agora veremos unha curtametraxe de animación de Tom e Jerry. A súa banda sonora é a Rapsodia Húngara nº 2 do compositor húngaro Franz Liszt.

 


2º CURSO 2.7

2 - 6 MARZO

 

Bo día !

 

ESCOITAMOS O TRAXE NOVO DO EMPERADOR.


A- NOTAS NA PARTITURA DO ÚLTIMO DÍA.

Hoxe comezamos collendo o caderno para poñerlle os nomes ás notas da última partitura.


B- LINGUAXE MUSICAL.

Agora imos completar compases no noso caderno con:

Completaremos dous pentagramas de catro compases en dous por catro.

 

C- AUDICIÓN.

Por último escoitaremos un grupo formado por instrumentos de vento, corda e percusión.

A ver se sodes quen de recoñecer, primeiro cos ollos abertos e logo con eles pechados: a trompeta, o saxofón, o clarinete, a tuba, o banjo e a batería. 

Atención ao vídeo!



D- CONTIDO EXTRA.

CONCERTO DIDÁCTICO DA SINFÓNICA PONTEVEDRA

 1º CURSO 2.7

2 - 6 MARZO


Bo día !


A- CANTAMOS.

A sesión de hoxe ímola comezar cantando unha canción: "Fun ao mercado" de María Fumaça.
 
Imos facendo os tres pasos por orden:
 
1- Escoita a canción con atención.
2- Trata de ir cantando as distintas estrofas.
3- Agora teremos que inventar os movementos para escenificar a canción.
 





B- AS NOTAS NO PENTAGRAMA.

Agora terás que ler as notas no enlace da páxina "Aprendo Música". A ver cantos puntos es quen de conseguir.

Fai click na clave de sol para ir ao xogo.


https://aprendomusica.com/const2/16aprendonotasnivel2/aprendonotasnivel2.html


C- MÚSICA E CINE.


Agora non  hai máis que facer click no enlace para ver e escoitar esta curtametraxe de animación: "Swing of change".

A trompeta está moi presente durante toda a película, pero non é o máis importante da trama. Esta é unha curtametraxe que dá para falar moito, así que, prestade atención que logo falaremos.



https://www.youtube.com/watch?v=_GFDgAJfjKE


D- CONTIDO EXTRA.

CONCERTO DIDÁCTICO DA SINFÓNICA PONTEVEDRA