10 novembro 2025

 6º CURSO 1.8

10 - 14 NOVEMBRO

 

Bo día !
 

A- CANTAMOS.

Xa estamos no tempo do magosto e imos escoitar e aprender esta canción que nos fala desta festa tan tradicional de Galicia.


B- OS TIPOS DE VOCES.

Podemos clasificar as voces humanas, tanto as masculinas como as femininas, en función da súa altura. Faremos entón, dous grupos ben diferenciados, con tres subtipos cada un:



Se as ordenamos todas de agudo a grave quedarían do seguinte xeito:

1- Soprano.
2- mezzosoprano.
3- Contralto.
4- Tenor.
5- Barítono.
6- Baixo.

A nosa voz, a medida que medramos, vaise facendo máis e máis grave. Este cambio faise moi evidente cando chega a pubertade, sendo máis notorio nos varóns.

Estas voces poden agruparse, ou non, con diferentes instrumentos, dando lugar a distintos tipos de obras musicais:

- Vocal, na que so aparecen voces.
- Instrumental, na que só aparecen instrumentos.
- Mixta, aquela que agrupa voces e instrumentos.

C- AUDICIÓN.

Agora imos escoitar unha obra de Ludwing Van Beethoven.


A obra de hoxe é a Sinfonía nº 9 (Coral), concretamente o 4º movemento.

O nome desta obra, Coral, é debido á presencia de voces humanas nunha sinfonía. Unha adaptación desta obra é actualmente o himno europeo, seguro que a coñecedes.

No vídeo poderedes ver unha ficción cinemátográfica de como puido ser a estrea desta obra no seu tempo. Fixádevos nas caras do público cando comeza a cantar o coro, quedan todos abraiados xa que era infrecuente que un coro formara parte dunha sinfonía.

Se ides ao minuto 5.20 poderedes escoitar a parte máis coñecida da obra.


 5º CURSO 1.8

10 - 14 NOVEMBRO

 

Bo día !
 

A- CANTAMOS.

Xa estamos no tempo do Magosto así que imos escoitar e aprender este rap, de Paco Nogueiras, que nos fala desta festa tan tradicional en Galicia.
 


B- LINGUAXE MUSICAL.

Hoxe toca falar do compás de dous por catro.
O compás de dous por catro é un compás binario xa que ten dous pulsos. O primeiro pulso é forte (é o que leva o acento) e o segundo débil.

A figura que completa cada pulso é a negra, por iso dicimos que é a figura unidade de pulso.

A figura que completa cada compás é a branca, por iso dicimos que é a figura unidade de compás.

C- FRAUTA.

Copiamos a seguinte partitura no caderno de música.
Fixádevos que a partitura comeza cun compás incompleto que carece do pulso forte, isto é o que se coñece como anacruse.



 4º CURSO 1.8

10 - 14 NOVEMBRO

 

Bo día !
 

A- CANTAMOS:


B-  FRAUTA.

Como dixemos o último día, temos que seguir coa práctica da partitura "A ritmo de foxtrot". Non vos esquezades deses 10-12 minutiños de práctica diária na casa que me prometestes de luns a venres.

Recordade que na gravación da paritura, se a ampliades a pantalla completa, poderedes diminuír a velocidade de reprodución á metade na engranaxe da configuración (na rodiña dentada de abaixo á dereita).


 

C- AUDICIÓN.

Hoxe imos escoitar a L. V. Beethoven.


Beethoven foi un dos máis afamados compositores. Naceu en Alemaña, aprendeu música dende moi novo e foi quedando sen oído pouco a pouco ata quedar xordo.
Unha das súas obras máis coñecidas é este Septimino que compuxo no ano 1800. Escoitádeo con atención fixándovos en cada instrumento: violín, viola, violoncello, contrabaixo, fagot, trompa e clarinete.


 3º CURSO 1.8

10 - 14 NOVEMBRO

 

Bo día !
 

A- CANTAMOS.

 


B-  FRAUTA.

O primeiro que temos que facer agora é copiar esta partitura e poñerlle o nome ás notas. Logo toca seguir co seu  estudo e, para que vos sexa máis sinxelo, queda un pouco máis abaixo unha gravación dela.

Na gravación da partitura, se a ampliades a pantalla completa, poderedes diminuír a velocidade na rodiña dentada de abaixo á dereita.

 

C- AUDICIÓN.

Por último toca escoitar un pouco de música.
O "Valse da Bela Durminte" que escoitaremos hoxe é unha obra dun compositor ruso chamado Tchaikovski. Estou seguro que xa o escoitastes algunha vez, facede click no vídeo de abaixo para comprobalo.